lunes, 9 de enero de 2012


O creador de sentidos

Foto histórica por cierto. Alvaro Cunqueiro, Gonzalo Torrente Ballester, y Joseph Pla acompañados de Carmen Roel propietaria del mítico El Mosquito de Vigo (uno de los restuarantes con más memoria de las Rías Baixas), y su hija Carmiña Valverde que con sus 75 años sigue aún hoy al frente del negocio y se deja llamar «la nena» por su gente más cercana.
No centenario do nacemento de Don Álvaro Cunqueiro, escritor de soños, cataventos e amante da vida.
[Texto redactado para a revista da Asociación de Hostelería de Santiago de Compostela]
O 26 de novembro celebramos nos locais desta Asociación de Hostelería unha cata moi especial da que teñen vostedes cumprida información noutras páxinas deste número. Era especial porque a diferencia de moitas outras catas, non basculaba ao redor dunha denominación, ou unha variedade, ou unha modalidade de elaboración de viño. Era unha cata de libro no sentido máis literal da palabra, unha cata de texto.
No ano 1971 Cunqueiro publicou, canda Araceli Filgueira, un dos auténticos best-sellers da gastronomía galega: o libro A Cociña Galega. Aínda que o groso redaccional debémosllo a Filgueira, Cunqueiro deixou escrito nese libro o texto máis fermoso que se ten escrito sobre os viños galegos. Son cinco páxinas que comezan cunha frase mítica: “Eu podería percorrer o país coa taza cunca do meu apelido na man”. E a partir de aí, esas cinco páxinas lévannos a unha intensísima viaxe de mosteiros, cabaleiros templarios, solpores, de parroquias –que son os nososterroirs borgoñóns-, amigos e saudades. O texto é fascinante porque Cunqueiro nos fala dun mundo do viño moi distinto ao actual –o viño é de casas, sen etiqueta, con zonas máis restrinxidas que a actual-, pero tamén cun estilo diferente ao de hoxe: nada de “ribete cardenalicio” ou “retrogusto a froitas do bosque”. Os viños, para Cunqueiro, son como as persoas. “Se houbese un home tan compañeiro”-glosa o escritor ao espadeiro do Salnés- “irías con el polo mundo adiante, da man”. Ese Cunqueiro que fala dos viños por nome e apelidos anticipa, visionario, a tendencia actual dos viños: cada vez máis concretos, cada vez máis singulares e respectuosos co seu contorno.
Eu estou namorado deste texto. Propúxenlle ao meu mestre Antonio Portela que guiáramos a cata con este texto e percorreramos o que fica da Galicia enolóxica de Cunqueiro. O resultado foi encantador. E non será a última vez que o fagamos. O texto é un guieiro magnífico á ancestralidade e á tradición enolóxica de Galicia. E reparen isto. De Galicia. Na época na que Cunqueiro escribiu isto, contadísimas persoas no país podían ter unha visión global dos viños galegos.
Téñolle moita lei a Cunqueiro, pero nos últimos anos a miña admiración volveuse instrumental. Durante este ano Cunqueiro, nos actos e actividades que organicei ao redor da súa figura e gastronomía, advertín algo que nos meus xa bastantes anos dedicado á comunicación cultural só pasa en contadas ocasións: é posible palpar a querencia popular pola súa figura. Cunqueiro non só escribía como un dos grandes escritores europeos do seu momento, é que por riba cae ben. Á xente lle aparece un sorriso na boca cando comezas a falar del. Cunqueiro, de algún xeito, une, moito máis alá do que teñen chegado outros escritores. Iso só pasa con poucas figuras da nosa cultura, como Rosalía de Castro e, se cadra, Castelao.
Cunqueiro foi o primeiro escritor –máis que Picadillo e, desde logo, moito máis que Camba- en transmitir unha idea da gastronomía galega. Pero na escrita lúdica de Cunqueiro este home deunos, como un patriarca, unha tradición. É o que está facendo neste texto sobre o viño, darlle un sentido. Ensina a conectarnos, a través dos nosos pratos e viños, cos nosos devanceiros. Cunqueiro levou a gastronomía alén do culinario. Deulle cultura. E ao facelo sentou as bases para dignificar a nosa restauración e facela respectable aquí e máis alá do Padornelo e, xa que logo, valorada, consumida e requirida. As novas xeracións deberiamos aprender desta enorme lección de Cunqueiro: o noso futuro está en conseguir conectar a gastronomía coas historias que a rodean. Como en Francia, debemos acadar que os nosos visitantes, ao sentaren nunha mesa, teñan a certeza de que están a piques de continuar unha rica e respectable tradición centenaria do Occidente.
Recollido do blog de Manuel Gago

No hay comentarios:

Publicar un comentario