lunes, 9 de enero de 2012


O capital cultural e socioidentitario da nosa literatura está a ser obviado e desprezado

Como seguramente xa saiban algúns, en días pasados saíu da imprenta o volume Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista no que analizo a vida e a obra do que foi un dos principais autores da Escola Literaria Mindoniense no pasado século.
Pois ben, con motivo da aparición do libro —co que tiven a fortuna no seu día de obter o Premio Ánxel Fole— e, tamén si, da publicación do Criticalia en papel —da que xa dei conta hai algunhas semanas—, a periodista Montserrat Fernández Ares mantivo comigo unha longa conversa que reflectiu nunha entrevista recollida onte nos diferentes xornais do Grupo La Capital.
Como queira que nela, entre moitas outras cuestións, vertín tamén algunhas opinións a propósito do complexo e problemático momento que está a vivir o noso sistema literario, pensei que ás lectoras e lectores desta bitácora talvez vos puidesen resultar de interese, así que, se clicades na imaxe que figura baixo estas liñas, poderedes ler o pdf coa entrevista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario