Cunqueiro ao Norde

Traio aos bits do Criticalia unha dobre boa nova: a da nacenza dun selo editor amigo das letras de noso e, asemade, a da aparición dunha nova tradución dun libro de Álvaro Cunqueiro, que xustamente hoxe se presenta en Santiago.
Dos bos oficios do matemático e ensaísta Xenaro García Suárez e mais do especialista en Arte e xestión culturalXosé Luís García Canido xorde Alento, editora que principia a súa andaina coa publicación dun título de Peter Handke e mais Mar ao Norde / Mar al norte, versión bilingüe do primeiro poemario publicado en vida polo escritor mindoniense, quen no seu día o dera ao prelo na mítica Editorial Nós, que capitaneaba na rúa do Vilar Ánxel Casal, a quen lle levara o libro o que sería o seu ilustrador, Luís Seoane.
O que Alento ofrece, pois, é a tradución ao galego do poemario xunto á reprodución do texto orixinal, que cobrou vida cervantina da man do tamén poeta e tradutor Xavier Rodríguez Baixeras, que realizou aquí un traballo impecable, respectuoso ata o extremo coas solucións cunqueirianas, permitíndose as licenzas mínimas e aínda estas acomodándoas enluvadamente á particularísima harmonía versal do de Mondoñedo.
A maiores, este volume conta tamén cun extraordinario epílogo de Xosé María Álvarez Cáccamo excelente coñecedor da escrita de Cunqueiro que revisita aquí nun delicioso ensaio no que a galanura expositiva non desdí, todo o contrario, da fondura do iluminado.
Por remate, este Mar ao Norde / Mar al Norte de Alento inclúe a reprodución do artigo “Luís Seoane, meu ilustrador”, que Cunqueiro escribira en 1979 para Grial como homenaxe ao seu vello amigo e camarada daquela acabado de falecer. Este texto, que figura traducido ao castelán (aínda que sen a pertinente indicación da súa orixe), ofrece as claves para a comprensión da xestación e aparición do poemario e, con el, da traxectoria literaria dun dos máis grandes, que, con esta moi lograda edición, revive para as lectoras e lectores que, aquí e acolá, queiran gozalo.